viernes, 19 de junio de 2026

Misión imposible... superada! 📖🎭



O noso club de lectura volveu poñerse a proba cun reto de auténtico nivel: representar o kamishibai Dante, o xigante diante do público máis esixente que existe... o alumnado de Educación Infantil do CEIP de Tenorio.

Porque, sexamos sinceros, un público de tres, catro e cinco anos non finxe. Se algo lles gusta, nótase. E se non... tamén! 😅

Con algo de nervios, moita ilusión e unha boa dose de interpretación, as nosas alumnas conseguiron captar a súa atención desde a primeira lámina. Houbo ollos moi abertos, sorrisos, gargalladas, caras de sorpresa e mesmo algún comentario espontáneo que nos fixo conter a risa.

A historia de Dante, o xigante cobrou vida grazas ás voces das narradoras, ás ilustracións do kamishibai e aos efectos sonoros preparados para a ocasión, convertendo o vestíbulo nun espazo cheo de maxia.

Ao rematar, chegou a mellor recompensa: un forte aplauso e a satisfacción de comprobar que contar historias segue a ser unha das mellores maneiras de conectar cos demais.

Grazas ao CEIP de Tenorio pola fantástica acollida e, sobre todo, ao seu pequeno gran público, que nos recordou que as mellores críticas non se escriben... vense nas caras de quen escoita.



domingo, 14 de junio de 2026

Queridas estrelas

 ☀️📚 RECEITA PARA UN BO VERÁN

Ingredientes:

  • 1 libro, manga, banda deseñada ou revista (ou varios).
  • Un recuncho agradable: praia, piscina, aldea, sofá, hamaca ou sombra de figueira.
  • Un pouco de curiosidade.
  • Tempo ao gusto.

Preparación:

  1. Consiga un libro. Pódese comprar, pedir prestado, herdar, intercambiar ou rescatar dunha biblioteca pública.
  2. Busque un lugar cómodo.
  3. Abra o libro pola primeira páxina.
  4. Continúe ata esquecer a hora, o móbil e, se a lectura é boa, incluso o calor.

Consello do chef:
As bibliotecas públicas permanecerán abertas todo o verán, cheas de historias desexando saír de paseo.

Advertencia importante:
Se alguén afirma que non ten nada para ler, revise a información. A súa fiabilidade é comparable á de quen asegura que en Galicia non chove ou que na praia non hai area. 😏

Presentación final:
Servir acompañado de xeados, viaxes, tardes longas e moitas aventuras.

Bo verán e, sobre todo, boas lecturas! 🌞📖💙


viernes, 12 de junio de 2026

📚🚨 Operación Rescate de Libros (última chamada) 🚨📚

As vacacións están á volta da esquina e algúns libros da Biblioteca Nélida Piñón decidiron alongar a súa estadía máis do debido. Hai exemplares que xa se senten parte da familia, que coñecen o menú da casa e mesmo opinan nas conversas da cea. 😅

Se tes algún libro en préstamo, esta última semana de curso é o momento perfecto para devolvelo. Os seus compañeiros dos andeis bótano de menos e hai outros lectores desexando coñecelos.

Non fai falla despedidas dramáticas: tráeo á biblioteca, déixao no seu fogar e promételle que volveredes atoparvos despois do verán. 📖❤️


Asinado:
Os libros "secuestrados" que soñan con regresar ao andel. 😉📚




miércoles, 10 de junio de 2026

🎭📚 Conta atrás

Catro das nosas estrelas e a profe Patri xa temos case todo preparado para a nosa visita ao alumnado de Infantil. Traducimos ao galego a historia de Dante, o xigante, escollemos os arquivos sonoros para ambientar cada escena e levamos un feixe de recreos ensaiando con moita ilusión.

Agora só queda o máis importante: compartir a historia cos pitufiños de Tenorio o vindeiro mércores. Estamos emocionadas e tamén un chisco nerviosas, porque o público de Infantil é dos máis sinceros e esixentes que existen. 😄

Agardamos que Dante conquiste os seus corazóns... e que os seus risos se escoiten por todo o cole! 💚📖✨



lunes, 11 de mayo de 2026

Que poden agochar catro mulleres baixo o mesmo teito?

Ás veces compartimos casa.

Outras veces compartimos silencios.

Feridas.

Segredos.

E versións diferentes da mesma historia.

Porque convivir é moito máis que repartir tarefas: é aprender a mirar de fronte o pasado... e decidir se estamos preparados para cambialo.

👉 A nosa próxima lectura no Club de Lectura de Adultos será Mulleres que viven xuntas, de Abril Camino.

Entrarías nesa casa?

domingo, 3 de mayo de 2026

🌟 As Estrelas do Libro collen impulso ata o infinito e máis alá

O pasado mércores fomos ata Santiago de Compostela á formación de clubs de lectura… e volvemos coa mochila chea de ideas (e algunha que xa está pedindo paso a berros 😄).

Tivemos incluso unha visita virtual de luxo: Manuel Rivas, o autor máis lido nos clubs de lectura escolares o curso pasado, que nos deixou unha das frases do día: si, pódese querer que gañe o Dépor e mais o Celta á vez (aínda que haxa debate no bar da aldea!).

No marco de M8porler, puxémonos serios por un momento (só un pouco) e comprometémonos a rexistrarnos na Fundación Xistral para que as Estrelas do Libro brillen aínda máis… e, quen sabe, igual este é o ano no que por fin despegue o noso club de lectura de adultos 👀📚

Ademais, temos moi preto unha aliada perfecta: a libraría Seijas. A súa dona, ilustradora, pode darlle ao club ese toque creativo que nos encanta.

E como boa viaxe lectora, trouxemos ideas de aquí e de acolá: desde Cartagena (cos Premios Mandarache) ata iniciativas tan inspiradoras como Queeruña. Sen esquecer a lectura fácil e as recomendacións das lectoras máis novas, que sempre teñen moito que dicir.

En resumo: isto non fixo máis que comezar… e temos moito por ler! 📖✨

jueves, 23 de abril de 2026

23 de abril

Hoxe vivimos unha xornada fantástica coa participación do alumnado do centro e de 5º e 6º do CEIP de Tenorio. Libros que cambian de mans… e moitas ganas de ler!

📸 Pasa polas nosas redes para ver as fotos… igual saes ti!

E mentres aquí os libros voaban de man en man… poida que polas alturas tamén houbese movemento. Es quen de imaxinar a Rosalía e dona Emilia camiño dunha feira nas nubes? Ou a Shakespeare e Cervantes no bar Obélix tentando decidir quen conta mellor as vidas alleas… (sen acordo, claro 😏)? Quizais Castelao e Lorca discutindo se a chuvia en Galicia é clima ou poesía…

E, ao fondo, don Gonzalo Torrente Ballester dándolle unha volta a Los gozos y las sombras: en Pueblanueva, o poder xa non só se move nos pazos… tamén en X e no Instagram, entre rumores e segredos dixitais.

Porque cando os libros se moven… o mundo tamén se pon a contar historias. 📚✨